VigoTroca
Cada vez que mercas, gastas
Gastas os teus recursos, o teu traballo, o teu diñeiro, para satisfacer unha necesidade ou un desexo. É a túa decisión persoal.
Cada vez que mercas, consumes
Auga, enerxía, tempo, esforzos, materias primas. Consumes os recursos do planeta. O traballo de xentes que non coñeces, os minerais que se agocharon millóns de anos no ventre da terra, plantas que xerminaron noutro continente e que outros trouxeron ata ti, enerxía que o planeta gardaba desde milleiros de anos. É a túa decisión persoal.
Cada vez que mercas, decides
Colaboras economicamente con todos os procesos que fixeron posible obter ese ben ou ese servizo. Decides se a empresa que explota a nenos na India vai medrar. Decides se a petroleira responsable do último verquido vai medrar. Decides se os produtores da túa comarca van medrar. Decides se as cooperativas de produtores indíxenas van medrar. É a túa decisión persoal.
Cada vez que mercas, cambias o mundo
Ti es o derradeiro eslavón dunha cadea que comeza no produtor. Das traballo. Produces. Vendes. Traballas. Elixes. Contaminas. Limpas. Coidas o contorno. Transformas a sociedade cara un mundo máis xusto. Ou máis inxusto. Respectas a natureza. A cheas de merda. Sen ti, a cadea non tería sentido.
¿AÍNDA CRES QUE É A TÚA DECISIÓN PERSOAL?

Troco ou cesión, por que non?
VIGOTROCA é un espazo aberto de intercambio e cesión de bens, unha alternativa sen cartos para satisfacer as nosas necesidades. VIGOTROCA é a aposta dunha manchea de asociacións da túa cidade polo consumo consciente, pola reutilización e a reciclaxe, pola participación cidadá e a recuperación da rúa como espazo de coñecemento, relación e disfrute.
VIGOTROCA é unha aposta pola revalorización das relacións persoais fronte á imposición dos cartos: nós somos os que decidimos o valor que teñen as nosas cousas e o noso tempo.
VIGOTROCA quere tamén chegar a ser un MERCADIÑO DE TROCO OU CESIÓN. Unha boísima ocasión para levar as cousas que xa non queres e trocalas por outras das que si precisas. Unha boísima ocasión para compartir ou ceder o teu. Unha boísima ocasión para coñecer xente, gozar da rúa, escoitar música e satisfacer as túas necesidades.
Sen cartos, porque a xente non ten prezo

Comentarios recentes
hai 5 semanas 3 días
hai 22 semanas 2 horas
hai 22 semanas 2 horas
hai 22 semanas 4 horas
hai 22 semanas 4 horas
hai 24 semanas 4 días
hai 24 semanas 4 días
hai 24 semanas 6 días
hai 25 semanas 4 días
hai 25 semanas 4 días